Animación á lectura | CEIP López Ferreiro

Animación á lectura | CEIP López Ferreiro
Contidos
Portal educativo
SEM Correo
Aula virtual
Galería
Iniciar sesión
O Centro
Localización
Información xeral
Calendario escolar
Organigrama
Documentación PEC
Secretaría - Familias
Eventos
«
Abril 2026
»
Lun
Mar
Mér
Xov
Ven
Sáb
Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
Actividades
Curso 16- 17
Curso 17-18
Curso 18_19
Curso 19-20
Curso 20_21
Curso 22_23
Curso 23_24
Curso 24_25
Curso 25_26
Extraescolares
Complementarias
Proxectos
Abalar
Biblioteca
Convivencia_Benestar emocional
E-dixgal
Educación Ambiental
Potenciación do uso da lingua galega
Seccións bilingües
ANPA
Datos de contacto
Inicio
Animación á lectura
Presentación de Mazarelos de Manuel Portas
Enviado por admin1 o Lun, 04/13/2026 - 21:28
Animación á lectura
Curso 25_26
Potenciación do uso da lingua galega
O mércores, día 8 de abril, presentouse na biblioteca Helena Villar, a última obra de
Manuel Portas
.
O noso centro acolleu esta presentación grazas á iniciativa do club de lectura Onas das Letras e ao interese do Equipo da Biblioteca e do EDLG, porque se desenvolvera na nosa escola.
Foi un luxo poder compartir a tarde co autor e con
Loli Sans
, que guiou este encontro.
Como xa sinalara Manuel Portas: "É unha novela que chanta as súas raíces na mesma historia do instituto en que desenvolvín case toda a miña vida profesional, no Xelmírez I de Santiago". Pero tamén é un relato que "fala de nós, da nosa identidade máis profunda", como lembrou hai uns días, a alcaldesa Goretti Sanmartín.
»
blogue de admin1
Sesión de animación á lectura
Enviado por admin1 o Ven, 04/10/2026 - 19:54
Animación á lectura
Curso 25_26
Biblioteca
No mes de abril, desde a biblioteca do centro propoñemos un conxunto de actividades destinadas a fomentar a lectura e a afección polos libros entre o noso alumnado. Trátase dunha iniciativa que busca espertar a curiosidade, a imaxinación e o gusto por descubrir novas historias.
Nesta ocasión, despois de ler na aula a divertida historia de As sete Carrapuchiñas terribles e o pobre lobo encarnado, tivemos a oportunidade de gozar dunha sesión de animación á lectura moi especial. Entre todos e todas, e dun xeito moi participativo e entretido, levamos a cabo a representación deste conto tan orixinal.
A actividade estivo chea de risas, creatividade e traballo en equipo. O alumnado implicouse activamente, interpretando os distintos personaxes e dando vida á historia dun xeito único. Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que nos permitiu achegarnos aos libros desde unha perspectiva lúdica e diferente.
Seguiremos apostando por este tipo de propostas que fan da lectura unha aventura apaixonante!
»
blogue de admin1
Ler en familia: xogamos, aprendemos e compartimos
Enviado por admin1 o Sáb, 04/04/2026 - 11:46
Animación á lectura
Potenciación do uso da lingua galega
Hoxe tivo lugar na biblioteca do colexio a actividade
“Ler en familia”
, un encontro moi especial no que puidemos compartir tempo de calidade entre alumnado e familias arredor do xogo.
Nesta ocasión contamos coa visita de
Sandra
, da
xoguetería
EscondiT
, que nos guiou nunha sesión chea de ideas, propostas e moita diversión. Ao longo da actividade, falounos da importancia de xogar en familia e de como os xogos poden converterse nunha ferramenta moi valiosa para estimular a creatividade, a imaxinación e as destrezas mentais dos nenos e nenas.
Sandra non só nos explicou as vantaxes destes xogos, senón que tamén nos deu a oportunidade de probalos. A biblioteca encheuse de risas, concentración e complicidade, mentres familias e alumnado participaban xuntos en diferentes propostas lúdicas: xogos de palabras, retos de enxeño, dinámicas de cooperación… Cada mesa, cada recuncho, convertéronse nun pequeno espazo de aprendizaxe compartida.
Foi unha actividade moi enriquecedora, na que aprendemos que xogar tamén é aprender, e que facelo en familia fortalece vínculos, fomenta a comunicación e crea recordos inesquecibles. Ademais, levamos para a casa novas ideas para seguir gozando do tempo en familia dun xeito educativo e divertido.
Queremos agradecer, unha vez máis, a Sandra a súa cercanía, a súa profesionalidade e a súa capacidade para facernos gozar mentres aprendemos. Foi un pracer contar contigo!
Sen dúbida, repetiremos experiencia.
»
blogue de admin1
Unha visita moi especial na nosa biblioteca
Enviado por admin1 o Mér, 03/18/2026 - 20:38
Animación á lectura
Curso 25_26
Biblioteca
Hoxe vivimos unha xornada moi enriquecedora no centro. A nosa biblioteca converteuse nun espazo de reflexión, aprendizaxe e participación grazas á visita de
Lorena
, nai de Pedro, alumno do colexio.
Lorena compartiu co alumnado de 6º de primaria un interesante coloquio arredor de temas tan importantes como as mulleres, as situacións de vulnerabilidade e o bo trato. A través de diferentes dinámicas participativas, o alumnado puido achegarse a realidades complexas, comprender mellor as dificultades que moitas persoas afrontan no seu día a día e reflexionar sobre posibles solucións nas que todos e todas podemos contribuír.
Foi, sen dúbida, unha experiencia moi valiosa que fomentou a empatía, o respecto e o pensamento crítico.
Neste mes de marzo, mes da muller, no CEIP López Ferreiro seguimos traballando a prol da igualdade e da construción dunha sociedade máis xusta, solidaria e participativa.
Grazas, Lorena, por esta achega tan significativa!
»
blogue de admin1
Un novo recuncho para medrar entre libros
Enviado por admin1 o Xov, 03/05/2026 - 16:45
Animación á lectura
Curso 25_26
Biblioteca
Unha das accións máis significativas levadas a cabo na nosa biblioteca escolar este curso foi a
creación dun
recuncho específico destinado ao alumnado de Educación Infantil
. Esta iniciativa naceu coa vontade de fomentar o achegamento á lectura desde idades temperás e de consolidar a biblioteca como un espazo accesible e integrador para toda a comunidade educativa.
O novo recuncho foi concibido como un espazo axeitado ás necesidades desta etapa: cómodo, acolledor, motivador e plenamente funcional. Dotouse de mobiliario adaptado á súa estatura, alfombras e coxíns que favorecen unha estancia agradable, para que os máis pequenos e pequenas gocen con libros acordes aos seus intereses e ao seu nivel madurativo. A disposición dos materiais facilita a autonomía, permitindo que as nenas e os nenos poidan escoller, manipular e recoller os exemplares con facilidade.
Esta reorganización contribúe a que o alumnado de Infantil faga un uso máis continuado e natural da biblioteca escolar, integrándoa nas súas rutinas habituais. Así, a lectura convértese nunha experiencia cotiá vinculada ao pracer, á curiosidade e ao descubrimento, asentando as bases dun hábito lector sólido desde os primeiros anos.
Con esta actuación reafirmamos o noso compromiso coa dinamización da biblioteca escolar como eixo vertebrador das actividades do centro e como ferramenta fundamental para o desenvolvemento competencial e emocional do noso alumnado.
Seguimos a traballar para que cada recuncho da escola sexa unha oportunidade para aprender e medrar.
»
blogue de admin1
Grandes momentos compartidos nun novo Encontro Lector
Enviado por admin1 o Mér, 03/04/2026 - 18:51
Animación á lectura
Curso 25_26
Potenciación do uso da lingua galega
O pasado xoves 26 de febreiro ás 17:00, celebramos unha magnífica xornada de lectura na biblioteca coa participación das familias, do alumnado e do profesorado responsable da actividade. O encontro constituíu un auténtico éxito grazas á participación e ao entusiasmo demostrado por todos e todas as asistentes.
Compartimos e analizamos “
Grande e Pequena
”, de Arianna Squilloni e Raquel Catalina, unha obra galardoada que nos achega á natureza e á reflexión sobre o paso do tempo. As nenas e os nenos amosáronse fascinados coa historia e participaron activamente na posta en común das súas impresións e interpretacións.
A continuación, o grupo de lectoras e lectores autónomos protagonizou unha enriquecedora tarde de análise e aprendizaxe arredor da novela “
Trampa de Lume
”, de Núria Martí Constans. Afondamos no incendio da fábrica Triangle en Nova York no ano 1911 e reflexionamos sobre a relevancia histórica dos movementos en defensa dos dereitos laborais das mulleres. Resultou especialmente satisfactorio comprobar o interese suscitado e a calidade das intervencións do alumnado.
Finalmente, as familias lectoras abordaron “
A Praza do Diamante
”, de Mercè Rodoreda, unha das obras máis salientables da literatura catalá e española. A historia de Natalia durante a guerra civil e a posguerra provocou fondas emocións e deu pé a unha reflexión compartida sobre a dureza daquela etapa histórica. O diálogo desenvolveuse nun clima de respecto e sensibilidade, favorecendo unha conversa profunda e enriquecedora.
En definitiva, tratouse dunha xornada altamente proveitosa, caracterizada pola implicación colectiva e polo excelente ambiente de convivencia. A experiencia resultou especialmente significativa por servir como punto de partida das conmemoracións do 8M. Sen dúbida, continuaremos promovendo iniciativas que fomenten o hábito lector e o intercambio cultural na nosa comunidade educativa.
Queremos expresar un agradecemento moi especial a Maricarmen Montero, antiga mestra e directora do noso centro, pola súa presenza, apoio e compromiso constante coa vida cultural e educativa da escola. A súa participación supuxo unha honra e un estímulo para toda a comunidade.
O noso máis sincero agradecemento ás familias, ao alumnado e ao profesorado pola súa colaboración e compromiso coa lectura compartida. Ata a próxima!
»
blogue de admin1
Con M de muller
Enviado por admin1 o Mar, 03/03/2026 - 21:09
Animación á lectura
Curso 25_26
Biblioteca
Chega o mes de marzo, un mes cunha connotación en feminino. No CEIP López Ferreiro e, en particular, desde a Biblioteca Escolar, estamos moi comprometidos coa coeducación. Marzo é tamén o mes no que celebramos o Día Internacional da Muller, unha data que nos lembra a importancia de seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.
A través de todas as actividades que levamos a cabo, tentamos que todas as persoas que formamos parte da comunidade educativa aprendamos a sentir en feminino: a valorar, respectar e recoñecer o papel das mulleres na historia, na ciencia, na arte, na literatura e na vida cotiá.
Na nosa biblioteca contamos cunha coidada selección de libros que tratan sobre mulleres, escritos por mulleres ou que nos ensinan a mirar máis aló das aparencias e dos estereotipos. Historias de superación, contos que rompen moldes, biografías inspiradoras e relatos que nos axudan a construír unha mirada máis crítica e igualitaria.
Neste mes quixemos darlles aínda máis protagonismo a estas lecturas, creando espazos destacados na biblioteca e recomendacións especiais para cada nivel. O noso obxectivo é animar ao alumnado a descubrir novas voces, novos referentes e outras maneiras de entender o mundo.
Ademais, o
reto lector
deste mes ten que ver con libros de mulleres! Convidamos a todo o alumnado a participar, a compartir as súas impresións e a deixar por escrito as súas recomendacións. Porque ler tamén é unha forma de transformar a realidade.
Desde a Biblioteca Escolar do CEIP López Ferreiro seguimos apostando por unha educación en igualdade, onde cada letra conte e cada historia sume.
Con M de Muller, con M de Marzo… e con M de Moito por facer xuntas e xuntos.
»
blogue de admin1
Entre flores e versos: Febreiro con Rosalía.
Enviado por admin1 o Mar, 03/03/2026 - 20:52
Animación á lectura
Curso 25_26
Biblioteca
Febreiro é o mes no que celebramos a Rosalía de Castro, a muller que lle deu voz e dignidade á nosa lingua, lembrando o aniversario do seu nacemento. Ela mesma cantaba:
“Nasin cando as prantas nasen, no mes das flores nasin”
, versos que latexan cada ano con máis forza cando chega este tempo.
Desde a Biblioteca Escolar quixemos renderlle a nosa particular homenaxe, arrodeándoa simbolicamente dunha chea de flores, como se cada unha delas fose unha palabra agradecida pola súa obra e polo seu legado. A súa poesía segue a emocionarnos e a ensinarnos a mirar o mundo con sensibilidade, compromiso e amor pola terra.
O día 23, en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o servizo de comedor escolar, serviuse o emblemático “caldo de gloria”, ao que canta Rosalía nun dos seus poemas, convertendo a xornada nunha experiencia literaria e tamén gastronómica. Foi unha maneira fermosa de achegar a poesía á vida cotiá e de saborear, literalmente, a nosa tradición.
Ademais, o alumnado de 6º de Educación Primaria tivo a oportunidade de realizar un “Roteiro Rosaliano” polos lugares da cidade vencellados á autora, descubrindo espazos que gardan a súa memoria e afondando na súa figura. Visitamos o Hostal dos Reis Católicos, onde foi bautizada; a estatua de Rosalía na Parque da Alameda; algúns dos lugares onde viviu na cidade; o Convento de Santo Agostiño; e o Panteón de Galegos Ilustres, onde repousan os seus restos. Cada parada foi unha oportunidade para coñecer mellor á escritora e comprender a fonda pegada que deixou en Compostela e en Galicia enteira.
Nesta actividade contamos coa inestimable colaboración da nosa querida Maricarmen Montero, mestra e directora do noso centro durante anos, e que segue moi vencellada a el. A súa sabedoría e entusiasmo fixeron do roteiro unha experiencia inesquecible.
Cómpre lembrar que Rosalía foi chamada “a Musa dos pobos” por Manuel Curros Enríquez, un título que segue a definila á perfección: voz do pobo, conciencia crítica e símbolo da nosa identidade.
Moitas grazas, Maricarmen, por acompañarnos e por seguir sementando amor pola nosa cultura.
Porque en febreiro, máis ca nunca, celebramos que a nosa lingua teña voz de muller. E esa voz chámase Rosalía.
»
blogue de admin1
Un mural para celebrar a lectura
Enviado por admin1 o Dom, 03/01/2026 - 18:57
Animación á lectura
Curso 25_26
Biblioteca
A biblioteca continúa a ser moito máis ca un espazo de préstamo de libros: é un lugar vivo, de encontro, imaxinación e descubrimento. Por iso puxemos en marcha unha actividade que nos implica a todos e todas.
O taboleiro da biblioteca transformouse nun mural colaborativo que amosa a verdadeira razón de ser deste espazo: a lectura.
Neste mural, o alumnado é o auténtico protagonista. Quixemos que fosen eles e elas quen contasen a súa propia historia cos libros, respondendo a unha pregunta tan directa como persoal:
“E ti, por que les?”
Cada participante recibiu a silueta dun libro en branco. Ese pequeno “libro” converteuse nun lenzo no que plasmar a súa razón única, persoal, enxeñosa e sinceira para ler.
O resultado foi un mosaico de razóns creativas e orixinais que conforman unha paisaxe literaria que nos representa como comunidade lectora.
Cada frase é testemuño da diversidade dos nosos lectores e lectoras. As do mural son só unha pequena mostra… pódense atopar moitas máis espalladas polo centro!
Non hai respostas correctas nin incorrectas. O que para unhas persoas é evasión, para outras é coñecemento, consolo, risa ou desafío. Todas as razóns son válidas e enriquecen o noso mural común.
Este proxecto non é só unha decoración fermosa: é un recordatorio visual de que a biblioteca é un espazo construído por e para vós, onde cada lector e lectora, co seu motivo persoal, é unha peza fundamental.
Agardámoste entre libros e razóns.
»
blogue de admin1
Xa chegou a Maleta Viaxeira!
Enviado por admin1 o Xov, 02/26/2026 - 15:59
Animación á lectura
Curso 25_26
Biblioteca
Esta semana recibimos con moita ilusión na nosa biblioteca a
Maleta Viaxeira do CEIDA
(Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), un recurso educativo cheo de sorpresas e aprendizaxes.
A maleta trae unha fantástica selección de libros sobre natureza, ecoloxía e medio ambiente, pensados para espertar a curiosidade e o amor polo noso planeta desde as primeiras idades.
O alumnado de educación infantil e do primeiro ciclo de primaria xa comezou a mergullarse nestas lecturas tan especiais. A través de contos, álbums ilustrados e libros informativos, están a descubrir a importancia de coidar a natureza, respectar os animais e protexer o medio ambiente.
Este tipo de iniciativas enriquecen a nosa biblioteca e axudan a fomentar valores fundamentais como a responsabilidade, o respecto e o compromiso coa contorna. Ademais, a lectura convértese nunha viaxe apaixonante que nos leva a coñecer mellor o mundo que nos rodea.
Seguiremos compartindo convosco as experiencias e aprendizaxes que vaian xurdindo arredor desta marabillosa maleta.
Grazas ao CEIDA por achegarnos este recurso tan valioso!
»
blogue de admin1
1
2
seguinte ›
última »
Revista Pegada 21
Colexio do Benquerer
O horto do Ferreiro
Polos Creativos
Ule Raro
Blogues do centro
Blog da Biblioteca
Lulu nas ondas
Blog do EDLG
Fai un trato co galego
O noso recoveco
Cat Got yout Tongue_ Blog de TeacherMari
Sentindo en Feminino   Web de Educación Infantil
Donas de si
Feito con Drupal (ver. 6.28)
Proxecto Webs dinámicas
Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013